ás feministas e o sr. xuíz

A denuncia de 72 organizacións feministas contra o xuíz de Familia francisco Serrano, surte efecto (17 XUÑO, 2010)

Aberto detractor da lexislación a favor da igualdade entre mulleres e homes; cun odio teimudo ás feministas e sementeira de frases tan desafortunadas como "Miles de hombres son detenidos por denuncias falsas", o xuíz de Familia sevillano Francisco Serrano, é obxecto dunha investigación por parte da Comisión Disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial. A súa presidencia da asociación Asemip, encargada de xestionar procesos de separación e divorcio, así como de litixios relacionados coa custodia d@s nen@s, sen ter consultado previamente ao CXPX, poderían metelo nun apreto. Polo momento, a xuíz instrutora acordou abrir un expediente a Serrano, por unha posible falta grave.


Xuíces que acosan a legalidade vixente (decembro do 2009)

Refírome ao xuíz Francisco Serrano, de Sevilla, que desde a aprobación da Lei Integral de medidas de protección fronte a violencia de xénero, non cesa no seu empeño de frivolizala e enfrontarse non só coas asociacións de mulleres que levan a cabo un labor imprescindible de axuda ás maltratadas, senón coa propia presidenta do Observatorio da violencia de xénero, Inmaculada Montalbán.
Os argumentos de Serrano de que existen denuncias falsas pon ademais en entredito o labor non só d@s seus colegas, senón de todo o sistema xudicial.
Aínda que existiran denuncias falsas, como de calquera outro delito, ben sabemos, mellor dito, as maltratadas saben ben, o penoso e humillante que resulta este proceso ata o esclarecemento dos feitos, que en moi poucas ocasións se resolve con penas correctivas sobre o maltratador.
A violencia de xénero produce dor, asasinatos, criaturas maltratadas física e psiquicamente e orfas. Esta é a realidade, cómo atallala de raíz é a clave, que desde a ideoloxía claman as feministas. Esas "radicais", para o Sr. Serrano, piden educación, prevención e medios materiais, que apenas valen de paliativo a tanto sufrimento.
A indefensión das vítimas é o que debería preocuparlle a calquera xuíz ecuánime que se prece.
Hai quen opina que a Lei non serve dabondo para protexer ás maltratadas, que é insuficiente; pero a raíz destas declaracións fóra de lugar, é que hai estamentos conservadores da xudicatura que poñen cotas ao avance das mulleres nesta sociedade.
As campañas de concienciación fronte o maltrato parecen non calar no tecido social, e faltan recursos; as vítimas teñen medo; as ordes de protección son insuficientes; e non hai policías para salvagardar a vida das mulleres que padecen este inferno.
Pero estes poden parecer argumentos mornos para o xuíz que se sitúa sen remorsos, a carón dos delincuentes.
Cómpre solidarizarse coa denuncia feita pública o pasado 22 de decembro, en Madrid pola Federación de Mujeres Separadas y Divorciadas (FMSD) e 71 organizacións feministas contra este maxistrado, ao que acusan de obstaculizar a aplicación da Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Comentarios

Entradas populares