De nomes cifras e ideas
A paixón desbordante dos anti modificacións-da-lei-de-despenalización de aborto inunda as rúas, pero non tanto como eles publicitan. As cifras de asistentes á manifestación de Madrid oscilan entre o millón declarado polos organizadores e as 58.000 persoas (creo recordar) segundo unha empresa que conta as cabezas fotografadas cenitalmente, mediante un sistema informático aparentemente infalible.
A necesidade de ser masa, en calquera caso no implica que a suma das cabezas sexa proporcional á suma de cerebros pensantes.
Indudablemente, como ben saben @s axentes publicitarios "móvenos a paixón". Móvenos cousas moi simples, moi primitivas, que exaltan os nosos sentidos. Pensar en abortos, en abortar, desacouga a calquera. Pero se che aplican a terapia de visualizar fetos e placentas sanguentas, o máis probable é que as adolescentes, non só as que quedaran preñadas por inconsciencia, senón calquera muller, se lle quiten as ganas non de abortar, senón de enxendrar unha criatura.
Ter que abortar, para calquera muller, resulta francamente desagradable. As feministas, como seguramente as miles de mulleres que se reuniron en Madrid, sábeno.
Agora ben, a igrexa, aproveita este pasiño lexislativo, dunha lei coxa, vixente desde o ano 1985, para tomar ás rúas, nunca se viron noutra. A praza madrileña de Colón convertida na Meca da reacción e as masas alporizadas, manipulables e ferventes seguidoras do integrismo católico máis exacerbado.
Pero esta reflexión non vai da "rebelión das masas" senón do valor cualitativo das ideas. Hai uns trintaetantos anos, as feministas manifestábanse en pequenos grupos, varios centos nas manifestacións máis nutridas e reclamanban o mesmo que aproba case toda a sociedade: "unha maternidade libre e consentida", un espazo de decisión que atinxe as mulleres, teñan 16 ou 50, que na súa inmensa maioría son tamén as responsables da maternidade social.
A igrexa é a responsable de vetar este dereito irrenunciable e que uns poucos centos de mulleres na rúa, sen pompas e boato foron acadando.
E volven as plataformas polo dereito ao aborto a retomar o curso dos 70-80, qué esforzo penoso, cantas trabas para a liberación da muller, canto backlash, para o que compre volver ás barricadas. Serán grupos minoritarios, como sempre, os que promovan avances para toda a sociedade.
Comentarios