A monseñor gústalle o hiyab

A propósito da adolescente do instituto de Pozuelo de Alarcón á que lle prohiben vestir veo islámico, Monseñor Camino, pensou "quen somos nós para opoñernos a esa imposición relixiosa, coa ilusión que nos faría poñerllo a todas as rapazas, novamente", viva o hiyab! a rapaciña ten todo o dereito do mundo a demostrar o seu recato feminino. Porque trátase diso, de manterse discretamente oculta para non tentar ao demo.
Que curioso, quen defende a tonsura ou o afeitado da cabeza masculina en aras de alcanzar a sabedoría divina, promove o ocultamento das pecadoras, das insignificantes mulleres. Pero máis estupor me producen os paternalistas esquerdosos que avogan polo respecto aos valores culturais diferenciais.
Cómpre preguntarse, que convén reclamar, os dereitos ou o costume; a xustiza ou a tradición? Porque, axiña, unha pode respectar ao diferente, ata que observa que o respecto polo costume, polas relixións e certas marcas identitarias prevalece por riba do dereito ao máis elemental dos valores democráticos: a igualdade.
Daquela, faríaselle a esa rapaza un fraco favor permitíndolle o acceso ás aulas, vestida cun atuendo que non ten utilidade práctica senón que na súa cultura (e en case todas) simboliza submisión; sería perpetuar a súa discriminación hipocritamente, e lexitimar á súa segregación cultural.
O centro de ensino obrou ben ao non privarlle do seu dereito a igualdade. Tanto ten que a rapaza ou a súa familia queira aproveitarse del, as institucións públicas están obrigadas a velar porque se cumpran os dereitos democráticos. Non hai que ocultarse en regulamentos de "urbanidade": unha viseira de adolescente rebelde non é o mesmo que un veo de muller musulmana, por favor, as connotacións, se cadra son opostas aínda que os dous cubran parcial ou totalmente a cabeza.
O que importa é que esta reivindicación carca vense experimentando tamén no mesmo Oriente Medio.
O ano pasado, o guía da miña viaxe a Exipto, musulmán, para máis datos, comentaba o alarmante aumento do integrismo no seu país. Recordaba que nos anos oitenta, apenas o 20% das mulleres usaban veo, e hoxe aproximadamente un 80%. A mesma proporción se experimentaba no acceso ao culto nas mezquitas, onde obviamente, che obrigan a cubrirte, nalgunha incluso os brazos; pero noutras non, en absoluto.
En grande medida, esta radicalización relixiosa, dos seus ritos e símbolos atribúese á saudización da cultura exipcia. Ata os 80, Exipto era un país totalmente occidental, laiábase o guía musulmán.
Supoño que estes indicios deberían alertarnos, e impedir que os integrismos relixiosos nos coman as papas, como papanatas do multiculturalismo.
A cultura musulmana goza doutras manifestacións xenuínas a reivindicar: música, literatura, arquitectura, desas si poden extraerse marcas identitarias e déixense de encerrar os cabelos e as ideas.

Comentarios

Entradas populares