As letras galegas sen sangue entran gozosas
Calquera diría que vou escribir un artigo
militante; de ningún xeito. Mais ben se trata dunha louvanza ao día
das Letras Galegas, e ao homenaxeado,
Francisco Fernández del Riego, Don Paco para as persoas militantes do
galeguismo e, para o meu pai, que tivo a sorte de coñecelo e tratalo desde os
comezos de Galaxia, simplemente, del Riego.
Un home encantador, falangueiro, educado e moi
culto. Lémbroo ben traxeado, sempre co
seu puro habano, comendo no Angelito Junior. Dunha saúde que daba envexa,
sempre con boa cor, sen dúbida dos paseos por praia América, e rodeado de libros, algo ben
saudable.
Don Paco tiña o seu santuario na Biblioteca
Penzol, un paraíso das letras, non só das galegas, senón das letras
peninsulares, do portugués e do galego, e do castelán.
Alí atopei o un curioso coñecedor de Pardo
Bazán, á que respectaba, e ademais lía, algo estraño por estes pagos.
Brindoume a súa dispoñibilidade para investigar na biblioteca Penzol e
tamén na súa particular, doadas ao Concello de Vigo -uns 40000 volumes- onde
durmían os textos máis selectos, que non se emprestaban.
Alí, no edificio antigo do Concello de Vigo
estaba Galicia, Sempre Galiza, Arredor de sí, a editorial Galaxia, a revista Grial, arredor desas paredes ateigadas
de libros, alí moraba o mantedor da cultura, esa xeración en extinción, para a que a
lingua implica acougo, ideas, captación de coñecemento, de literatura, pero
tamén da xeografía, de antropoloxía e das ciencia. Para este galeguista, a
lingua non pertencía a ningún partido, nin clase social, e nunca debía ser
motivo de discordia nin de atrofia cultural. F.del Riego exercía de galeguista,
de amplo espectro, pero tamén de iberista.
Un dos grandes logros que conseguiu desde a RAG, foi outorgarlle a Rosalía de Castro o primeiro día das Letras Galegas, en 1963, coincidindo co Centenario de Cantares Gallegos. Cabe supoñer que o ministerio que o aprobou, pensaría que Rosalía era unha cantante “de pombas e frores”, e representaba o tópico da galega pasiva e choromiqueira, e non a muller forte, mariscadora, moza de cordel, xurista ou poeta. Unha escritora que rompeu coa morna literatura e cos séculos escuros.
O labor de xornalista, de propagandista da
literatura galega é, se cadra, a máis coñecida de Paco del Riego, cos
seus artigos no Faro de Vigo, que asinaba como Salvador Lorenzana.
Aconsello consultar* os libros que este
ano descobren os aspectos máis ocultos da figura de del Riego, pero á marxe das novidades, rescatei tres
volumes da biblioteca que pertencían ao meu pai. Un deles, unha pioneira Historia
da literatura Galega, do ano 1951. Outro titulado Galicia, que el
mesmo declara ser “de senectude”, publicado no 2001.
Un terceiro Escritores de Portugal e do Brasil, do ano 1984, un mesmo sistema literario e unha mesma lingua que non se mesturan entre si.
Nestes libros asoma un del Riego crítico
perspicaz e iberista que mira cara Tras os montes, e que parece traer un
panorama de rexurdimento fachendoso do galego, o día que unifiquemos e
espertemos do noso sono cunha lingua común que xunte os mares e os ríos. Pero,
mentres eses tempos non cheguen,
https://editorialgalaxia.gal/produto/memorias-do-paris-literario/
Conversas con Paco del Riego (2018) Perfecto Conde
Comentarios