8 de marzo, día da muller “sen saias”
Case sempre me tomaría un respiro o
Día internacional da muller. Cumpriría o propósito de quedar en
silencio para darlle a voz ás persoas que normalmente non a toman, e
sumirme o 8 de marzo nunha xornada de reflexión interna, non exenta
de autocrítica.
Unha das autocríticas recae sobre a
linguaxe. Resulta doado observar como o contido reivindicativo do
feminismo vaise diluíndo, trivializando e asumindo desta forma, por
parte das feministas, case dun xeito inconsciente. E xa non falamos
de feminismo,
falamos de feminismos; xa non de violencia,
senón de violencias; ou se empeñan en etiquetar como
“micromachismos”, aos comportamentos cotiás ofensivos,
agresións de menor voltaxe, cando realmente proceden dun tronco
común: a violencia patriarcal.
Cando me atopaba nese ansiado relax,
xustamente hoxe, escoito unha boa nova, de alarde reivindicativo, que
escandalizaría ás feministas, xa non das herdeiras da terceira
onda, dos anos 70; daquelas que queimaban os suxeitadores
publicamente e renunciaban a calquera indumentaria que asociase a
muller a unha imaxe estereotipada; desas que vestían o pantalón
como prenda igualitaria; unha concepción vixente, xa non desde os 60
do século pasado, senón desde o círculo das sufraxistas
decimonónicas; as primeiras que reivindicaron a saia-pantalón, como
indumentaria indispensábel para o acceso ao mundo público das
mulleres.
Pois si, cando estaba nese (merecido)
relax, leo que o Concello de Valencia, presidido por Joan Ribó, de
Compromís, vén de inaugurar uns “semáforos paritarios”, dun
lado hai homes e do outro mulleres. E como os identifican?, pola
anatomía? o que resultaría en certo modo, comprensible. Pois non;
como nos baños dos bares: as mulleres levan
saia, e os homes, pantalóns.
Non é posible! Pois si. Señoras e
señores de Compromís: non
me digan que pórlle saias ás iconas do semáforo vai en aras de
acadar unha sociedade paritaria!
Ata unha folclórica da miña infancia
(non podo lembrar o seu nome) cantaba: “El pantalón, ay el
pantalón, ya no es cosa, cosa, cosa, exclusiva del varón”.
Habería
que mandar a estes “iluminados” a ler feminismo, como medida
mínima para ocupar un cargo público; e máis se te reivindicas
progresista, roxo ou de esquerdas. En fin, vir cuns mínimos para non
meter o zoco. Recapacitar, como neste caso, sobre: “de que falamos
cando falamos de paridade?” A non ser que paridade veña de parida,
uff!... perdoen a cativeza, pero é que se o tomo en serio, é
dramático...
Díganme
mellor, que foi unha inocentada, ou unha macacada máis do Trump.
Xa
o sabía eu; non hai maneira de descansar da militancia, cada día
máis consciente da súa importancia histórica: Viva o 8 de marzo!.
Comentarios