Sen protección

Durante meses saía de traballar e a poucos portais do meu, na entrada dun local valeiro, vía un vulto humano tapado por unha manta ou saba; o tránsito dunha a outra viña marcado pola estación. As dez da noite no inverno, e algo máis tarde no verán, instalaba o seu leito naquel mini vestíbulo.
Un "niño" especial nun bosque vigués
Recentemente, alugaron o local e colocaron unha porta metálica, así que xa non quedaba espazo "habitable". 
Non souben máis daquela persoa, máis ben personiña que se encaixaba naquel escaso metro cadrado. Ata que unha chuviosa noite da semana pasada, regresando de cear cunha amiga, vimos un individuo pequeno deitado no chan, moi preto da porta dun comercio.
Chamei á policía municipal, que tardaron, por certo, uns 30 minutos en acudir.
Mentres esperabamos a xente pasaba e miraba de reollo, comentando: "mira a un tío aí tirado". 
A meirande parte dela nin sequera intentaba achegarse ou proporcionarlle algún tipo de asistencia. Parecíalles normal, unha persoa tirada, sen ningún tipo de acubillo, no chan. Só outra rapaza tomou a mesma decisión ca min, mentres o seu compañeiro comentaba "o máis que lle pode pasar é que morra". 
Por sorte non estaba morto, pero podería estalo de non recibir asistencia. Espabilando, recoñeceu que caera (tiña unha ferida sanguenta na fronte e outra na man). Grazas á ferida durmiría baixo tellado aquela noite. Nin casa nin familia, ante as preguntas dos axentes explicou en correcto galego que ía por aí arriba, a durmir. Pedía unha manta, nada máis. Éralle familiar a un dos policías. 
E si, era o que durmía a carón do meu traballo. 
Pensemos nas tarxetas negras e nas hipotecas de favor dos políticos, que noxo!

Mbc.
15/10/14

Comentarios

Entradas populares