Pena de morte
Veño* de escribir sobre Pardo Bazán, nun monográfico dedicado á escritora1 , concretamente sobre a súa postura encol da pena de morte (declárase recalcitrante detractora) desenvolvido na súa novela “A pedra angular”2.
Na historia das nacións hai unha ruta cara á civilización que se inicia na reducción gradual de atavismos. O máis brutal de todos, e sostido ata os nosos días por moitos Estados é a Pena de morte: o ollo por ollo pervive en moitos códigos penais, incluso de Estados democráticos.
O Estado español aboliu a pena de morte, parcialmente na Constitución de 1978; en 1985 adheriuse ao Protocolo da convención Europea que mantiña a pena no caso de guerra. En realidade, a definitiva extinción non chegou ata a LO de 1995, en que foi abolida do Código penal militar.

Dentro ou fóra dos estados de excepción, das crises ou das guerras, a abolición da pena de morte non chegou, privadamente, ao colectivo muller. Nos mullericidios as parellas masculinas tómanse a xustiza pola man respondendo a un atavismo que compatibiliza o comportamento cortés e correcto coa aplicación da máquina letal. “Era un home moi educado, algo tivo que pasar...” Non digo que o delito os asasinatos de mulleres sexan ben vistos, en xeral; pero case sempre se atenúan con expresións que non deterioran a imaxe do asasino: foi “arrebato espontáneo, irreprimible”. Semella que detrás do asasinato dunha muller existise unha lei de Talión asumida socialmente: quen a fai, merece morrer.
Para as mulleres inda non se aboliu a pena de morte; nin a cadea perpetua, na paz e na guerra. Vivimos nun permanente estado de excepción...estou lendo a nova doutra asasinada esta mañá.
*Nota: o artigo será publicado íntegro en Sermos Galiza.
1 Ágora de Orcellón. Instituto de Estudos Carballiñeses, agosto, 2014.
2 Xerais, 2003.
Comentarios