Nin guerra que nos destrúa, nin paz que nos oprima
Un slogan reiterado nas manifestacións feministas ao longo dos tempos, e sempre das do Día 8 de Marzo ten sido: “Nin guerra que nos destrúa, nin paz que nos oprima”.
Este domingo 8M 2026 soará novamente esa reivindicación como se fixo contra
os anteriores conflitos bélicos de Iraq,
do Golfo, de Bosnia, de Ucraína, de Irán, onde o sen sentido ataca ás
poboacións indefensas baixo argumentos mezquiños. Desde cando aos ditadores se lles vence con mísiles?
O movemento feminista desde a súa raíz, declarouse pacifista.
Retrocedendo un século na historia das mulleres, “esa historia
silenciada...”[i] encontramos
a alemá Clara Zetkin, unha das feministas ás que debemos a celebración deste
Día 8 de marzo.
Será co inicio da I Gran Guerra Mundial, na celebración da Conferencia Internacional
de Mulleres Socialistas contra a guerra (Berna 1915) cando Zetkin firme o
manifesto desta cita, e un artigo que publica en Die Internationale,
órgano do partido, no que se reafirma na súa postura feminista contra a guerra, o que a levará a cumprir unha condena de catro meses de prisión.
A revolución que puxo fin á ditadura do Kaiser Guillerme II, se cobrará a vida de Rosa Luxemburgo, outra destacada feminista e comunista.
| Festa da palabra silenciada, FIGA. Vigo 2012. Ilustración da cuberta de Pilar Alonso |
Da II Conferencia Internacional Feminina, en 1921, da que saen elixidas
como líderes da Secretaría da Muller da III Internacional Clara Zetkin e Alexandra
Kollontai, virá a declaración do 8 de marzo como o día Internacional da muller.
En España, a celebración do 8 de marzo retomouse, despois da ditadura franquista,
no 1976, baixo a mirada gris dos corpos de seguridade daquela tímida
transición.
Esta introdución para retomar os postulados dun movemento en contra de
calquera forma de violencia, pública e privada, sen burkas nin niqabs, para preservar a identidade e a liberdade das mulleres.
Por Nevenka, por Gisèle Pelicot, por Olimpia de Gouges, por todas nós: “Nin guerra que nos destrúa nin paz que oprima”; un ano máis, viva o 8 de marzo (105 anos máis tarde).
[i] Do himno do feminismo que outrora lembrarei.
