Contra a maternidade Irresponsable

Circula por interné unha absurda carta “Carta de una madre a Soraya Sáenz de Santamaría.html” (que dubido, estea escrita por unha madre) na que se reprende bruscamente a Soraya Sáenz de Santamaría por non ter disposto das 16 semanas regulamentadas de “vacacións” concedidas ás parturientes, senón apenas unha.
Francamente o ton e os argumentos parécenme de pésimo mal gusto, pero nin sequera iso, que sen dúbida é importante, producen o malestar principal que case obrigan á súa resposta, senón os resesos argumentos esgrimidos. E a carta pasaría sen dar conta dela pero resulta que coñecid@s e ata militantes de esquerdas estana a difundir como arma política contra o PP. Volve a táctica dos supostos progres de empregar campañas de desprestixio contra as súas mulleres como arma de ataque contra os seu partidos.
Como feminista, bastante afastada dos postulados da dereita, pensei que non estaría de máis invertir unhas liñas en desenmascarar os argumentos conservadores que se agachan dentro desa carta supostamente progresista.
En primeiro lugar, e soamente usando o sentido común, o que debería provocar a calquera persoa, cando ve a unha posparturienta que, case sen descanso se incorpora ás súas responsabilidades, é curiosidade. “Que sorte, como puido ser capaz, parece que non lle pasou nada”.
O segundo, envexa: “que ben se encontra, que bo aspecto físico”, pero tamén: “que afortunada por ter ese traballo tan estimulante que lle permite poder delegar a domesticidade e a crianza do fillo a outras persoas”.
E, desde logo: “Non ter que sumerxirse en 16 semanas de especialización en ordeñadoras mamarias, pezonciños de caucho, texturas de cueiros ou tonalidades de excrementos”.
Se a opinión progre é que Soraya foi unha traizoeira aos dereitos das mulleres por non someterse ás sesións de dedicación exclusiva á crianza, en lugar de incorporarse á súa profesión, que para iso a votou o pobo e por iso cobra un (máis que respectable) soldo, mal andan as esquerdas.
Porque as “vacacións” para aleitar, criar, cambiar cueiros, e pasar as noites en branco, que me perdoen pero non as considero de lecer.
A Vicepresidenta, asumindo as responsabilidades que emanan do seu cargo, demostrou as súas prioridades persoais que eu interpreto nesta opinión: “que sentido ten perder o tempo 16 semanas neses mesteres, e interromper a miña carreira política, podendo delegalos”.
Contrariamente ao que opinan certos voceiros da esquerda conservadora, opino que a Vicepresidenta deu un exemplo ás mulleres novas que ven frustrarse a súa carreira profesional por atender ao doméstico.
O feminismo sempre se opuxo a este abandono, “o persoal é político”, e as demandas sempre deben encamiñarse en esixir a igualdade nas condicións vitais das mulleres e dos homes. E se a maternidade é un atranco, facilitar os medios asistencias para que non o sexa.
Pero non exiliando as mulleres durante meses nas casas. Por favor, nin que fosen os redactores da Lei de familia da Xunta.
M.Bar, FIGA

Comentarios

Entradas populares