SITIADAS




ASÍ é como poden sentirse as mulleres deste estado social de dereito cando ven que se lles priva dos seus redutos de actuación.
A desfeita comezou nas comunidades autónomas. Primeiro foron os Institutos da muller en comunidades como Castela-A Mancha; máis recentemente o Servizo Galego de Igualdade, e por fin, o inimigo principal, o Ministerio de Igualdade.
A estratexia de acoso e derribo das posicións reaccionarias desta sociedade poden estar de noraboa, ao final conseguiron que o goberno socialista, que tan claro tiña a batalla pola igualdade, cedera ante as súas pretensións. E con esa cesión o reforzo ás políticas transversais que o ministerio estaba pondo en marcha, como a comisión interministerial, para completar as estratexias de igualdade en todos os gabinetes.
En que van quedar estas promesas nas que tantas mulleres confiamos e nos sentimos finalmente defraudadas.
Ogallá me equivoque pero dubido que un ministerio a cabalo entre a sanidade, a política social e a igualdade, comprometa os seus esforzos para sacarnos do desequilibrio en que sobreviven as mulleres; que gañan menos, que viven máis anos, pero en peores condicións, que son maltratadas, asasinadas, que dedican a súa vida a atender aos familiares, que traen criaturas ao mundo, sen obter nada a cambio; que son pisoteadas virtual, ideolóxica e culturalmente.
En realidade, cun ministerio non chega; todos os ministerios deberían incluír o engadido dentro das súas carteiras, un plug-in indispensable para que o navegador funcione: "Ministerio de... e Igualdade".
De non ser así, cortando todos os espazos institucionais onde a igualdade teña un rango superior, seguiremos vivindo como terceiromundistas, dentro deste primeiro mundo.

Comentarios

Entradas populares