Orde de afastamento

Quen cre na efectividade desa orde? Os feitos indican que unha pena tan ridícula como afastar ao delincuente o único que conduce é a intensificar o instinto brutal do individuo, non a castigalo como merece.

Hoxe, 7 de decembro véspera do XXXII cabodano da chegada da democracia ao Estado, tendo como data emblemática a aprobación da Constitución, recíbese a noticia dunha nova asasinada por violencia machista. E suman máis de 67 este ano, segundo as cifras oficiais, sempre inferiores ás reais.
O individuo é novamente unha ex parella da víctima, ao que se lle interpuxo unha “orde de afastamento”, debido as denuncias da muller.
Polas cifras aportadas, só pesaba sobre once dos asasinos esa orde. Sen embargo, as once mortas habían de conformarse con esa vergoñenta medida para manterse a salvo dos seus asasinos.
Non sei con que convencemento pero, aínda así, alentamos a denuncia porque é o único xeito legal de que a xustiza faga o seu traballo.
Pero quen cre na efectividade desa orde? Os feitos indican que unha pena tan ridícula como afastar ao delincuente o único que conduce é a intensificar o instinto brutal do individuo, non a castigalo como merece.
Saltarse unha orde de afastamento é aínda máis doado que saltarse un semáforo en vermello, que, dependendo dos agravantes, supo-ría a retirada do carné.
Só nos delictos contra a integridade física e moral das mulleres se xulga con tan pouca firmeza. Esta medida é tan absurda... De boa lóxica sería impedirlle achegarse aos escaparates das tendas a un autor de “alunizaxes” .
Pero neses casos, como noutros delictos comúns, os autores son detidos e postos a disposición xudicial, que se lles aplica unha condena exemplar.
Pero cando se trata dos delictos contra as mulleres, rexen outras varas de medir, como se pervivira un reseso prexuízo relixioso. E que segue a ser a muller a fonte de pecado? O que desata a furia pasional de certos individuos?
Se iso é o único que se lle ocorre aos xuíces para protexer ás víctimas da violencia machista, é moi posible que as mulleres opten por non denunciar. Non se trata dun neno que rouba un caramelo nun colexio, a quen se lle dá un tirón de orellas, e para casa.
Trátase de asasinos machistas; con alto risco de se converter en delincuentes en serie, como apuntan as estatísticas, polo que todas as mulleres ao seu alcance son víctimas potenciais.
Pero como non se lles pode afastar de todas as mulleres (seguramente pensan: “ás veces, a muller ten a culpa”); na xustiza trátaselle con panos quentes e castigos vergoñentos.
Hai síntomas evidentes de que non se está levando a efecto a Lei integral contra a violencia de xénero, cando se trata con moito máis celo ao maltratador que a víctima.
Pero contra este sector da xudicatura, en folga calada e mesquiña contra o sistema de dereitos, non se actúa. Prefiren facer fracasar unha lei antes que aplicala; pero a súa rebeldía non se reconduce a golpe de decreto. As mulleres non pesan aínda igual que os homes nesta desigual democracia.
O protagonismo desta breve opinión pon o foco sobre as falecidas; pero as mulleres que sobreviven, padecen unha enfermidade crónica: o medo. Un medo que as invade en todas as facetas da súa vida que, en moi contados casos, volve ser algún día “normal”.
Trinta e dous anos de Constitución; eu non son quen de revisar cantos artigos se levaron a efecto; probablemente moitos. Pero sen dúbida ao que fala de igualdade e dereitos humanos (Art. 14) quédalle un longo proceso para deixar de ser unha utopía.

MB.

Comentarios

Entradas populares