Cartel Gañador
Cartel gañador do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero *
Lema: Eu coido de ti.
A violencia de xénero ademais de impedir o desenvolvemento da muller, evidencia os síntomas dunha sociedade inxusta e enferma.
A imaxe gráfica deste cartel expresa a supremacía dun xénero sobre o outro relegándoo -espacial e moralmente- a un plano inferior. Mais este impulso opresivo do machismo degrada máis, se cabe, ao executor que a vítima.
Porén, non se trata dunha dominación de orde biolóxica, senón cultural. Será a mesma cultura a que nos conduce a elixir un calzado delicado, con ou sen tacón, ou un firme e plano, como queda simbolizado na imaxe central.
A elección da frase Eu coido de ti (inspirada nun contexto real) permitiunos un sutil xogo polisémico, idóneo para a situación.
'Coido", presente do verbo coidar, despois de sucesivas elipses depara en 'coido" do verbo crer. O galego foi quen de propiciamos esta espiral semántica inédita noutras linguas como o castelán, para encarrilar a forma sobre o seu contido.
O coidado como aspiración do amor romántico dos contos de fadas, depara nun eu posesivo que esmaga ao seu obxecto sexual cando perde a capacidade para dominalo.
O cromosimbolismo traza esta gradación emocional: a tensión da cor avanza desde o rosa ao vermello sangue. Ou no plano vital da muller: do conto de fadas, á consciencia da dominación, o enfrontamento e a morte.
O ben atinado slogan da campaña, 'Non o ignores, non o xustifiques, non o escondas", adoita a forma dun teletipo, que se repite insistentemente, co obxectivo de que a mensaxe cale, non soamente nas vítimas, senón en toda sociedade, tantas veces cómplice da violencia de xénero, por ignorancia ou por egoísmo.
Daquela, a violencia de xénero pide a gritos un imaxinario que a enfronte, que a rexeite, e a desenmascare.
En Vigo, 28 de setembro de 2010
Rosario Gutiérrez Rodríguez Mónica Bar Cendón
* Concellería de Igualdade-Consello Municipal da Muller, Concello de Vigo
Comentarios