QUE VIDAS SON CONSIDERADAS VALIOSAS?

Comprobamos na prensa e vemos na T.V. o dó que se fai por un soldado que matan ou morre de accidente. Non digamos cando morre un atentado! Polas mulleres asasinadas non se fan dós. Como moito un minuto de silencio diante do Concello do Pobo onde sucedeu o crime. Tampouco a noticia inicia os telediarios nin as primeiras páxinas dos xornais. Non vemos autoridades respectuosas, imposición de insignias, himnos, honras, xestos de compaixón para a familia.

Unha vida que non é merecedora de ser chorada é unha vida que non pode ser obxecto de dó porque nunca viviu, nunca contou cunha vida real, nunca foi significativa. Unha vida que corresponde ao terreo do privado.

A distribución diferencial do loito público é unha cuestión política de enorme importancia. Lembremos a Antígona de Sófocles que se enfrontou á lei soberana cando quixo chorar en público a morte do seu irmán. Os gobernos regulan e controlan quen debe ser obxecto de dó público. As mulleres obxecto da violencia machista non producen indignación de abondo, nin, daquela, a consideración das Institucións. Non son unha perda insoportable, e, sobre todo, non teñen potencial político.


FEMINISTAS INDEPENDENTES GALEGAS (FIGA)

Comentarios

Entradas populares