CINCO ANOS CON MIGUEL Delibes

Faleceu un dos mitos da miña adolescencia. Miguel Delibes conseguiu atraparme na novela realista e coa Castela profunda, sen resquemor, nin desconfianza daqueles “casteláns de Castela, que maltrataban aos galegos”, cando ían á sega.
O meu achegamento a Miguel Delibes foi a través de El camino -el polo que lin estes días, non fun unha excepción dentro da miña xeración, autores como Bragado, director de Xerais, ou Luisa Castro, fan referencia ao influxo desta novela nas súas vidas-. Regalouma a miña madre a pouco de cumprir os doce anos e a partir dese momento, ela foime pasando todas as novelas de Delibes que adquiría; pode que, en certo modo, pola súa simpatía polo valisoletano (pola terra de procedencia da miña avoa). O caso é que durante uns cinco anos, de adolescencia “alongada” recordo ter devorado Mi idolatrado hijo Sisí, Diario de un cazador, La hoja roja, La sombra del ciprés... publicadas en Áncora e Delfín, como case toda a obra do autor.
A súa postura ideolóxica antiréxime de delibes, levouno a enfrontarse e a esquivar as continuas persecucións desde o xornal
El Norte de Castilla, do que foi ilustrador, redactor e finalmente director.
Os argumentos das novelas de Delibes bifúrcanseme na mente pero quedou moi marcado na miña memoria a esencia da súa novelística elegante e sen adobíos. O nidio reflexo da realidade vital da sociedade castelá, da burguesa, da fidalga e da labrega, organizada entorno ao caciquismo, ao que xulga impenitentemente en
Los santos inocentes. Un paseo pola natureza salvaxe da súa amada Castela (do cazador-pescador) gorida ou azoute dos seus súbditos; un percorrido novelístico de tradición naturalista, agora en extinción.
Ler a Delibes resulta indispensable para coñecer a España profunda; e lelo de vagar, e sen atrancos grazas á súa excelente prosa, á súa sinxeleza para compoñer caracteres e circunstancias que non son de novela, porque Delibes desvelaba, en verdade, a vida. Leo para aproveitar o castelá máis puro, ou tinguido de dialectalismos, alcumes e xiros populares que apreciamos porque dan brío á súa prosa e nos falan de estadios antigos da lingua irmá, cando comprar, era mercar, os mocos son a moca, ou meter algo era entrar algo.
Os personaxes enfróntanse a desafíos vitais: abandonar as raíces, enfrontar, ou axustar as contas cun ser querido despois do seu pasamento. Isto sucede en
Cinco horas con Mario, que desentraña un profundo coñecemento e preocupación pola problemática feminina, coa que toda unha xeración de madres se sentiu identificada. O que desvela Delibes nesta novela, non é tanto unha exquisita sensibilidade, para atender aos detalles máis sutís da incomunicación da parella, senón o alegato de sentido común dun feminista dos nosos tempos. Grazas, Miguel.

Comentarios

Entradas populares