PARA NON PERDERSE:

"Por diante e por detrás", da compañía Máscara Producións de Vigo

Xerome Calero e Antón Casal dirixen e adaptan unha esmendrellante "Noises off", de Michael Frayn, para verdadeir@s amantes do feito teatral.
A obra que calquera profesional soñaría poder montar pero que fai falta ter valor para levala a cabo (e sen subvención da Xunta de Galicia) enfronta un dos tópicos que forman parte case do inconsciente colectivo d@s xentes de teatro. Quen non pensou que o que sen dúbida merecía a pena pór en escena era o que sucedía entre caixas?
E mellor aínda, cómo facer ao público partícipe da complexa armazón teatral.
Pois ben, esta idea desenvolvida cun ritmo trepidante, cun aproveitamento inxenioso dos gags e cunha interpretación excelente, axustada ás necesidades das accións dramáticas, fan deste "Por diante e por detrás" unha peza imprescindible no noso panorama teatral.
Moi necesaria para recuperar ao diezmado público teatral, ao que xa non se lle seduce con faraónicas escenografías, quere ver o "vapor destilando polos poros d@s intérpretes" (o do vapor foi metáfora reciclada da crítica que veño de ler en A Nosa Terra (de onde foi extraído o recadro da ficha técnica).
A versión de Máscara desta peza non ten nada que envexar á xa divertidísima versión dos anos 80, de Amparo Baró e (se a miña memoria non me traizoa) de JM Pou. Que ao seu favor contaban cunha plataforma xiratoria que, obviamente, favorecía o tránsito escénico.
A resolución escenográfica de Máscara é nídia, as estruturas, os útiles, o abaneo dos tabiques, todo se dirixe a demostrar que o teatro é fina convención, un xogo cheo de trampas, e que na medida en que @s intérpretes se divirten co xogo e cos xoguetes, o público fai o mesmo.
Noraboa a Máscara.

Comentarios

Entradas populares